A Literatura Galega dos Séculos Escuros e do Prerrexurdimento

  1. Baldomir Cabanas, Xohán Xabier
Zuzendaria:
  1. Luciano Rodríguez Gómez Zuzendaria

Defentsa unibertsitatea: Universidade da Coruña

Fecha de defensa: 2010(e)ko abendua-(a)k 15

Epaimahaia:
  1. Xosé María Dobarro Paz Presidentea
  2. Xosé Ramón Freixeiro Mato Idazkaria
  3. Gonzalo Navaza Blanco Kidea
  4. Ángel L. Prieto de Paula Kidea
  5. Anxo Tarrío Varela Kidea

Mota: Tesia

Teseo: 293984 DIALNET lock_openRUC editor

Laburpena

En máis de unha ocasión, tendeu a se dicir que Fernão Lópes (1380?-1460?) é o último representante do período común das literaturas galega e portuguesa. Para algúns estudosos, a partir da obra deste cronista o sistema literario portugués fica independente das representacións literarias desta banda do Miño. Desde ese momento, debido ás circunstancias históricas derivadas das mudanzas políticas sufridas, Galicia non contará cun sistema literario propio até o século XIX. O noso propósito para a realización deste traballo non é outro que o de analizarmos a literatura desta etapa intermedia, a literatura comprendida entre finais do século XV e o ano 1840. Estabelecemos este límite inferior debido a que con posterioridade relativamente inmediata a 1483 encontramos (a priori) a primeira manifestación poética non medieval, mentres que fixamos o superior en 1840 porque é nesta data onde atopamos os últimos testemuños literarios realizados con anterioridade a 1842, data en que principian a súa actividade escrita (en lingua galega) os chamados Precursores. Noutra orde de cousas, temos que a literatura dos Séculos Escuros e de boa parte do Prerrexurdimento foi sempre vista, normalmente, como un material idóneo para a realización de estudos lingüísticos. Aínda así, este instrumental filolóxico constitúe un conxunto de testemuños literarios válidos para confirmar que, durante esta época, a lingua galega non careceu totalmente de creación escrita. Por esta causa un dos nosos obxectivos reside en realizarmos un estudo crítico-literario (que non ecdótico) dos textos literarios escritos en galego durante esta etapa. Principalmente, pois, pretendemos elaborar coa realización desta tese un estudo crítico das creacións literarias desta época, o cal sería feito de xeito individualizado, mais sen perder en ningún momento a perspectiva conxunta desta fase da literatura. Por tanto, non nos interesa tanto a edición crítica dos escritos literarios datados nos Séculos Escuros e no Prerrexurdimento como o estudo crítico-literario dos mesmos. Este estudo crítico, por outra banda, valeríanos para presentar a diversidade temática existente entre os textos galegos desta época e, por tanto, para tencionar desbotar certos tópicos sobre a literatura desta fase, creación que tendeu a ser reducida, como xa arriba dixemos, ao papel de material filolóxico. Para isto, procederemos ao longo das páxinas desta tese á realización dunha lectura crítica e individual de todos os textos que coñezamos datados desta etapa, se ben temos que advertir que non trataremos os escritos literarios descubertos no ano 2009 que non foron aínda publicados antes de Marzo de 210. Finalmente, tendo en conta as particularidades periódicas dos diferentes xéneros, que nos impiden realizarmos unha división cronolóxica linear e/ou uniforme, trataremos neste noso traballo cada texto en función da súa adscrición xenérica, de xeito que dedicamos un capítulo para a poesía, outro para o teatro, outro para a prosa, outro para os vilancicos e por fin outro máis para os diálogos e as formas parateatrais profanas. Porén, non podemos desprezar a consideración de que a literatura é sempre elaborada no medio dunhas circunstancias históricas determinadas (e con frecuencia tamén determinantes), motivo polo que dedicamos un capítulo á explicación do contexto histórico e sociolingüístico.