O monacato feminino na Galicia medieval (1100-1500)

  1. Rodríguez Muñiz, Víctor
Dirixida por:
  1. Francisco Javier Pérez Rodríguez Director

Universidade de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 19 de xaneiro de 2024

Tribunal:
  1. Carlos Manuel Reglero de la Fuente Presidente/a
  2. María Beatriz Vaquero Díaz Secretaria
  3. Juan Antonio Prieto Sayagués Vogal

Tipo: Tese

Resumo

A fundación en 1129, por Diego Xelmírez, de Santa María de Conxo como mosteiro para a profesión de deovotas marca a definitiva incorporación do monacato feminino ás novas formas ditadas ao abeiro da reforma bieita, plenamente asentada por entón nas casas masculinas. Realizarase no presente estudo unha análise individual e pormenorizada de cada unha das fundacións que para a profesión de relixiosas se erixiu no territorio do reino de Galiza -desde a breve existencia do pequeno Xián ata un Ramirás de riqueza comparable a moitos mosteiros masculinos de media dimensión-. Abrangue a relación os cenobios que viviron baixo as normas bieita -incluída a interpretación que dela facía o Císter- ou agostiña, que terá marcado a vida regular de Santa María de Cabalar. Este, como Nogueirosa ou Moreira, non será un mosteiro ao uso, senón unha 'casa de monxas' en que unha dona e as súas acompañantes se retiren do século nunha vivencia personalista e -non obstante o devir de Moreira, priorado cisterciense desde o século XIV- sen vontade de prosperar como mosteiro, carecendo de calquera institución capitular e dispóndose, durante a súa transitoria existencia, baixo dependencia directa dunha casa masculina. Estas `casas de monxas' compartirán cos cenobios propiamente ditos unha serie de circunstancias que caracterizan o monacato galego medieval, e das que só Conxo -fundado ex novo por promoción episcopal nun ámbito periurbano- se afasta: a súa ruralidade e, de maneira moi significativa, o vínculo que une a estes mosteiros coa aristocracia local. Esta ten un papel fundamental na -conforme o caso- fundación ou reinstauración destes mosteiros, aos que dotan e que explícita ou implicitamente se vincularán á profesión de donas das liñaxes fundadoras ou de padroeiros. É notorio o papel que, cando menos en período plenomedieval, reservarán estes heredes para a administración e toma de decisións da casa, como se testemuña en Codeseda, Sobrado de Trives -en que a relación coa aristocracia comarcá parece especialmente intensa- ou, con meridiana claridade, Ferreira de Pantón durante a súa fase de priorado, en que a administración da vivencia temporal da casa virá efectuada pola liñaxe -expresamente feminina e matrilineal- de padroeiras laicas. O século XIII resulta, con certeza, o de maior esplendor para o monacato galego no seu xeral, ao que a súa rama feminina non será excepción. Por máis que cada mosteiro presente unha dinámica propia, a Baixa Idade Media virá marcada pola decadencia, quer no número de vocacións -ao que non será alleo a chegada das novas formas relixiosas vinculadas ás ordes mendicantes-, na economía das diferentes casas -no que non terá unha influencia menor o abandono de terras e conseguinte mingua nas rendas derivada dos episodios de peste-, as reiteradas exaccións aristocráticas, pero tamén unha descoidada administración interna, tanto temporal como secular. Esta precariedade, pobreza e abandono dos preceptos relixiosos -común, por outra parte, non só para os cenobios femininos senón tamén para os seus homólogos masculinos- constan entre os argumentos principais esgrimidos para proceder, nas últimas décadas da centuria do XV, á Reforma Observante. San Paio de Antealtares, refundado a tal efecto, erixirase desde o século XVI como único mosteiro feminino bieito galego -toda vez que a reforma no Císter seguirá pasos diferentes- pechando a súa institución e definitiva incorporación dos diferentes cenobios femininos que en Galiza foran este capítulo do monacato medieval.