O cine de non ficción no Novo Cinema Galego (2006-2012)conceptualización, contextos e singularidades

  1. Martínez Martínez, María Isabel
Dirixida por:
  1. Xaime Fandiño Director
  2. Mónica Valderrama Santomé Titora

Universidade de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 09 de decembro de 2015

Tribunal:
  1. Margarita Ledo Andión Presidente/a
  2. Alberto Pena Rodríguez Secretario
  3. Sofia Sampaio Vogal

Tipo: Tese

Resumo

Non cabe dúbida, o documental personifica como ningún outro xénero o grao de inestabilidade do que fai gala nos nosos días a institución cinematográfica. O último auxe do documental, na década dos anos noventa, coincidiu cun marasmo de cambios que están modificando as estruturas convencionais do cinema e o xeito de concibilo. O seu grao de flexibilidade e permeabilidade, fai que o documental se converta na punta do iceberg dunha nova concepción do audiovisual, tanto a nivel de produción como a nivel artístico. Uns novos puntos de vista sobre a produción e recepción destes produtos están clausurando camiños obsoletos, e albiscan novas vías polas que transitar no futuro. Atopámonos contemplando unha serie de transformacións do documental que historiadores do cine como Raymond Bellour ou Jonatham Rosembaum dan en chamar «mutacións». Esta evolución do cinema en tan curto espazo de tempo, levou a nomear o momento actual que está a vivir a imaxe en movemento como «postcine». Moitos cineastas e teóricos quixeron ver nesta nova etapa a «morte do cine», xa que se botaba por terra todo o sistema de correspondencias coas que se sustentou o cine ao longo do século XX. Pero quizais resulte algo esaxerado afirmar que estamos ante a morte do cine clásico, entendido este como modelo de distribución e produción audiovisual marcado polos adiantos tecnolóxicos. A tecnoloxía permitiu abaratar custos e reducir o tempo dos procesos, o que concedeu máis tempo aos creadores para experimentar e para pensar a imaxe. Polo tanto, non estamos ante a morte do cine, pero si ante a morte dun xeito de pensar o cine. Existe, pois, un estraño paralelismo entre a situación do cine na actualidade e o grao de efervescencia ontolóxica da que o cinema documental dá boa mostra nos últimos tempos. A historiografía do cinema non dá abasto para lograr sistematizar os últimos movementos polos que se transita. Nos últimos anos, este protagonismo do documental acompañouse dunha serie de investigacións sobre o tema, que, lonxe de aclarar a situación, dan a sensación de que nos atopamos ante unha concepción altamente moldeable, cun elevado grao de inestabilidade, que fai, senón imposible, si pouco certeiro o decantarse por unha taxonomía que sirva de patrón a todas as súas variantes. O principal punto de atención desta investigación recae no cine de non ficción en Galiza, concepto que chegou ao noso territorio, de forma máis ou menos oficiosa, de man da Administración da Xunta de Galicia, cando a finais da pasada década as súas políticas pretenderon promover proxectos con mirada propia e con risco creativo. En moi poucas ocasións se dá o feito de que os responsables do goberno ou as administracións públicas, entes encargados de promover e difundir a creación cultural, sexan capaces de apoiar unha tendencia creativa que, cando menos, é controvertida nas súas formulacións estéticas e formais, afastada das obras enmarcadas dentro do modo de representación institucional. Con todo, nesta ocasión, e debido a diferentes causas, a Administración pareceu entendelos e apoialos. A incorporación desta categoría no texto da convocatoria de axudas á produción audiovisual da Xunta de Galicia derivou en que se puidesen materializar unha serie de proxectos que se poden denominar como «documentais de creación». Mais a produción galega non só se reduce a proxectos subvencionados, senón que, grazas, entre outros factores, ás novas condicións de produción, moitos creadores e creadoras individuais puideron levantar as súas obras sen o aval das axudas públicas. Esta independencia é unha das características destas novas propostas cinematográficas. A inxerencia gobernamental fixo que agromara un xeito de entender o documental moito máis libre e máis acorde co presente e coas propostas máis radicais que xorden noutras cinematografías nacionais de máis longa traxectoria. O documental de creación serviu para que o audiovisual galego, de concepción periférica e conservadora, se puxese en sintonía cos novos xiros do audiovisual do panorama internacional. Este traballo contempla un período de estudo moi limitado (2006-2012), que se corresponde cos anos de funcionamento desde a Xunta de Galicia da Axencia Audiovisual Galega, e co que se pretende mostrar a transformación que sufriu parte do audiovisual galego e que, na actualidade, é denominado «Novo Cinema Galego». O Novo Cinema Galego enténdese nestas páxinas como un movemento que xorde a partir do ano 2006, a partir da aprobación dunha serie de axudas para a creación a novos realizadores, e a promoción das súas obras en diferentes certames e festivais internacionais. Este cinema, que podemos definir como un cine de fronteira, tanto narrativa como espacial, logrou que, por primeira vez na historia, Galiza se situase nas vangardas de creación cinematográfica.