A linguagem de direitouma linguagem de especialidade. Aspectos do léxico jurídico alemão e o seu respectivo tratamento em português
- da Silva Marques Moura, Micaela
- Silvia Montero Küpper Director
Universidade de defensa: Universidade de Vigo
Fecha de defensa: 18 de decembro de 2012
- Maria Filomena Pereira Rodrigues Louro Presidente/a
- Alberto Álvarez Lugrís Secretario
- Thomas Hüsgen Vogal
- Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas Vogal
- Maria Teresa Murcho Alegre Vogal
Tipo: Tese
Resumo
En todas as sociedades humanas, a linguaxe común adoita empregarse nas relacións diarias, informais ou mesmo ocasionais. No entanto, en moitos casos temos que recorrer a linguaxes especializadas que posúen características máis diferenciadas e precisas, determinadas pola situación comunicativa, que abranguen os axentes implicados e perseguen fins específicos. A pesar de que moitas veces non nos damos de conta, tamén os cidadáns comúns, é dicir, as persoas non necesariamente especializadas en determinadas áreas, empregan no seu día a día elementos característicos de diversas linguaxes especializadas, por exemplo, cando acoden a un banco para tratar asuntos financeiros ou a unha delegación de Facenda por cuestións tributarias. Do mesmo xeito, e normalmente sen repararen, tamén usan no diario termos da linguaxe xurídica cando, por exemplo, participan en calquera tipo de contrato. De feito, aínda que polo xeral non sexamos conscientes, unha grande parte dos aspectos da nosa vida cotiá están regulados por leis ou principios xurídicos cos que, dunha ou doutra maneira, estamos obrigados a lidar. Por outra banda, dado que vivimos nunha era na que a intercomunicación, a interdisciplinariedade e a interculturalidade se impoñen e son cada vez máis unha realidade ou inevitabilidade, un dos medios que se amosan capaces de posibilitar esta comunicación entre pobos é a tradución, especialmente a tradución de textos de áreas especializadas, que está a aumentar progresivamente a súa importancia. É obvio que a tradución de textos especializados, sexa do ámbito que for, presupón que o tradutor debe ter un coñecemento moi sólido das linguas implicadas no proceso e da materia que vai traducir. Seguindo esta orde de ideas, o tradutor de textos xurídicos debe facer fronte a unha tarefa dobremente exixente: non só ten de dominar as linguas e socioculturas de partida e de chegada, senón que, ademais, debe saber e poder colocarse no plano da comparación entre dúas linguaxes xurídicas e proceder adecuadamente, é dicir, decatarse da falta de conformidade ou aproximación de dous ordenamentos xurídicos aos que fan referencia ditas linguas, a fin de que o seu translato poida verdadeiramente cumprir unha función xurídico-comunicativa de denominador minimamente equivalente dentro do sistema xurídico de chegada. Deste xeito, cando o tradutor non é, á súa vez, xurista, como adoita ser o caso, cómpre, con maior razón, proporcionarlle ferramentas de traballo que apoien ou complementen os seus coñecementos sobre o dereito, alén das que emprega no seu día a día. Sen deixar de abordar a problemática da tradución xurídica, o principal obxectivo do presente estudo é contribuír á análise de substantivos e adxectivos compostos, extraídos dun segmento parcial de texto dun manual alemán de dereito económico-administrativo, traducido a portugués, para, baseándonos neses elementos, observar as relacións (semánticas) entre os seus constituíntes inmediatos, con vistas a fundamentar a razón pola que a linguaxe xurídica recorre con frecuencia a palabras compostas como medio de condensación e precisión, e coa intención de, ao mesmo tempo, construír un soporte que sustente as solucións tradutoras propostas e encontradas no translato portugués. Este tipo de estudo será eventualmente unha axuda para os tradutores neste dominio, dado que en Portugal son escasos os estudos científicos sobre tradución xurídica. A escolla do corpus en análise correu da nosa conta. Trátase dun exemplo representativo de tradución editorial de linguaxe xurídica alemá-portuguesa do eido económico-administrativo. Esta tese está composta por cinco capítulos, os catro primeiros abranguen a parte teórica e o último, a parte práctica. No primeiro capítulo procuramos dar conta do debate ao redor dos conceptos de linguaxe común e linguaxe especializada, e das interpelacións entre estes dous tipos de linguaxe. O segundo capítulo ocúpase da linguaxe xurídica como exemplo dunha linguaxe especializada coas súas características de seu. As cuestións da "equivalencia" na tradución, da linguaxe no dereito e na tradución xurídica e do tradutor xurídico e a súa formación, trátanse no terceiro capítulo. No cuarto capítulo preséntase brevemente, nun primeiro momento, a historia do dereito portugués e, posteriormente, trátase a caracterización sumaria das sublinguaxes xurídicas portuguesas máis importantes e dáselle unha maior relevancia á linguaxe administrativa. A parte práctica deste traballo divídese, pola súa parte, en dúas seccións. A primeira contempla algúns dos factores relevantes para a análise dun texto de partida, dentro da clasificación de Gläser de textos especializados, e a segunda ocúpase dun aspecto do léxico como factor interno, é dicir, desenvolve a análise dos substantivos compostos e dos adxectivos compostos do texto xurídico do corpus alemán e o seu respectivo tratamento na tradución portuguesa.