Estudo da composición fenólica da caste Albariño (Vitis vinifera, L.) na Denominación de Orixe Rías Baixas.

  1. Zamuz Castro, Sol Angel
Dirixida por:
  1. Antón Masa Vázquez Director

Universidade de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 15 de marzo de 2013

Tribunal:
  1. Federico Pomar Presidente/a
  2. Elena Falqué López Secretaria
  3. Jose Luis Garrido Valencia Vogal

Tipo: Tese

Resumo

Recollemos nesta Memoria o traballo realizado durante catro anos co obxectivo de estudar a composición fenólica dos mostos elaborados coa caste Albariño procedentes de tres subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas (Condado do Tea, O Rosal e Val do Salnés), facendo fincapé nos aspectos metodolóxicos que require un proceso de separación de compostos fenólicos en mostras moi complexas, nas que coexisten un elevado número de compostos con estruturas químicas moi diferentes. Neste sentido, a utilización combinada de diversas técnicas cromatográficas tanto analíticas coma preparativas (PC, HPLC-DAD) e espectrofotométricas (UV-vis, LC/ESI-MS-MS), xunto coa realización de hidrólises (ácidas, alcalinas e enzimáticas), foi fundamental para levar a cabo o illamento e a identificación dos compostos fenólicos presentes nos mostos: derivados benzoicos e hidroxicinámicos, estilbenos, flavonois, flavan-3-ois e flavanoides. A combinación das técnicas citadas permitiu illar un total de 121 compostos fenólicos dos que tan só 12 non puideron ser identificados";" para 51 dos 109 compostos identificados, esta identificación foi total, mentres que os 58 restantes foron só parcialmente identificados. Debemos resaltar que temos identificado 10 compostos nunca antes citados en mostos, dos que a phloridzina (dihidronaringenín-2¿-O-glucósido), o quercetín-3-O-xilósido, o kaempferol-3-O-xilósido e dous diglicósidos da quercetina tampouco se tiñan atopado con anterioridade en Vitis vinifera e outros 3 (o 4-O-¿-D-glucósido do ácido p-coumárico, o dihidroquercetín-3-O-xilósido e a dihidroquercetina) só tiñan sido identificados en viños. Dos outros dous restantes, o hexósido da naringenina foi identificado recentemente en uvas brancas, e o (-)-epicatequíngalato só tiña sido atopado en sementes. Por outra banda, este traballo tamén nos permitiu confirmar a natureza duns compostos que son produtos da transformación das formas isoméricas cis dos estilbenos pola acción da luz UV, e que nalgún caso foran erróneamente identificados como cis-resveratrol. Indicar tamén, que temos atopado nos nosos mostos un elevado número de compostos fenólicos potencialmente bioactivos, dos que podemos destacar os 14 estilbenos, os 15 dihidroflavonois e os 18 derivados hidroxicinámicos. As diferenzas na composición fenólica atopadas entre os mostos analizados, foron só cuantitativas, debendo sinalar que os procedentes da subzona do Rosal presentaron sempre os contidos máis elevados en compostos fenólicos totais. Ao noso entender, este estudo supón a contribución máis completa feita ata hoxe sobre a composición fenólica dos mostos elaborados coa caste galega Albariño, non só polo importante número de compostos separados e identificados, senón tamén polo feito de que ¿a diferenza doutros estudos anteriores- non se ten limitado a un determinado grupo de derivados fenólicos.